Presentación do proxecto Capacitad@MENTE na sede de Cegasal
Presentación do proxecto Capacitad@MENTE na sede de Cegasal

Cegasal e a Xunta de Galicia alíanse para fomentar o emprego entre persoas con trastorno mental

  • Poñen en marcha, co apoio de Janssen España, o proxecto “Capacitad@MENTE” que inclúe a realización de prácticas nos centros especiais de emprego da Asociación que preside Herminio Martínez.
  • A formación está deseñada por profesionais do Sergas e diríxese de maneira específica a romper o illamento e potenciar a autonomía e a autoestima das persoas con un problema de saúde mental.
  • O proxecto, dada a transcendencia do mesmo, terá continuidade en 2024 ao ampliarse a todas as áreas sanitarias de Galicia de forma graduada. 

 

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023. As persoas que sofren un trastorno mental severo padecen, en demasiadas ocasións, un grao de desafección maior por parte da sociedade, un feito que se multiplica cando se trata do ámbito laboral. Para traballar en paliar esta inxustiza, Cegasal e a Consellería de Sanidade, co apoio de Janssen España, uniron as súas forzas nun ambicioso plan de formación que fomente o emprego destas persoas e xere a súa inserción na sociedade ao apontoar a súa autonomía e a súa autoestima.

Cegasal, a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro, pon a disposición do proxecto os seus centros asociados, onde os alumnos seleccionados recibirán unha formación eminentemente práctica durante 5 horas ao día. Ademais de lograr a visibilización das persoas con problemas de saúde mental, estas tarefas permitirán a súa familiarización con empresas de economía social cuxa razón de ser son, precisamente, as persoas e concretamente as que teñen maior dificultade para acceder ao mercado laboral.

O presidente da entidade, Herminio Martínez, destacou que Capacitad@MENTE “trátase dun proxecto pioneiro en España, que se pretende estender, nos próximos anos, a todo o territorio galego”.

Sanidade atopou para esta actividade, por tanto, ao mellor socio posible. Os centros de Cegasal teñen un mínimo do 85% do seu persoal cuberto por persoas con, polo menos, un 33% de discapacidade, ás que proporcionan un emprego remunerado que lles permite alcanzar a desexada independencia económica. Así mesmo, desde a asociación loitan contra uns datos que denuncian un aumento do paro neste colectivo do 11,92% tras a pandemia.

O conselleiro de Sanidade, Julio García, explicou que hai unha partida específica comprometida de 100.000 euros para financialo. Engadiu que proxectos como este poden ser “pancas que muden a forma de tratar a estes pacientes”.

Pola súa banda, o director xeral de Relacións institucionais de Janssen, Pedro Martínez, asegurou que parte do compromiso social da compañía son proxectos como este, “que supoñen retos onde o emprego das persoas con enfermidade mental é unha ferramenta máis nese camiño cara a unha recuperación plena”.

As prácticas agora deseñadas entre Cegasal e responsables médicos do Sergas constarán de 30 horas teóricas e entre 80 e 100 horas  prácticas. Sempre cun programa adecuado para as persoas con trastornos de saúde mental, incidindo na ruptura do illamento e no fomento da súa empregabilidade como individuos capaces dentro dunha sociedade saudable e xusta.

“Capacitad@MENTE” iniciarase con pacientes da área de psiquiatría do Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) e o obxectivo do Sergas e Janssen, xunto a Cegasal, é amplialo, de forma paulatina, a todas as áreas sanitarias de Galicia.

25 anos, 2.162 empregos e 44 millóns de euros de facturación

Cegasal cumpriu en 2022 os 25 anos de vida e conseguiu que o 96% dos persoais dos 32 centros que alberga sexan persoas con discapacidade. O obxectivo para os próximos anos é aumentar a taxa de creación de emprego un 20%, é dicir, xerar 400 postos de traballo máis. Na actualidade, os centros especiais de Cegasal, no seu conxunto, facturan máis de 44 millóns de euros e dan emprego a 2.162 persoas con discapacidade.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar